Saltear al contenido principal

Nova senda de Parderrubias, cun investimento da Xunta de máis de 900.000 €
Parderrubias-oresa

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe a transformación que supón para a seguridade e a mobilidade dos veciños de Salceda de Caselas a nova senda de Parderrubias, cun investimento da Xunta de máis de 900.000 euros.

Vázquez Mourelle supervisou hoxe o resultado dos traballos do novo itinerario para uso de peóns e de ciclistas non deportivos na estrada autonómica PO-411, entre o acceso ao IES Pedras Rubias e a travesía de Salceda de Caselas, tras o paso sobre a PO-510. 

A conselleira subliñou que a senda favorece os desprazamentos cotiáns dos veciños, que xa a están a empregar, beneficiándose dunha maior seguridade viaria na contorna do centro educativo. En total puxéronse en servizo máis de 2 km de itinerarios dun ancho variable de entre 1,80 e 2,00 metros, adaptándose ao espazo dispoñible á beira da estrada.

En concreto, executáronse 3 treitos alternos entre ambas as marxes da estrada, comezando a senda pola marxe dereita no viario de acceso ao IES Pedras Rubias, para mellor mobilidade e protección na entrada do centro. Desde o acceso do IES ata Salceda, no enlace coa estrada PO-510, executouse o itinerario pola marxe esquerda ao longo de 1,7 km, e xa no punto final, no terceiro treito, a senda volve á marxe dereita desenvolvéndose ao longo duns 300 metros.  

A titular de Infraestruturas e Mobilidade detallou que as obras incluíron outras actuacións complementarias para contribuír a incrementar a seguridade dos peóns e ciclistas nesta vía autonómica, tendo en conta que son os usuarios máis vulnerables das estradas e, polo tanto, precisan de especial atención, remarcou.

A este respecto referiuse tamén á disposición dun paso de peóns sobreelevado, para que os veciños da zona poidan atravesar a estrada en condicións de maior seguridade ou á ampliación do paso sobre o regato de Landres. Esta última actuación retrasou as obras sobre o prazo inicialmente previsto, pola autorización da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

As obras aproveitáronse para repoñer case 500 metros de colectores da rede de saneamento co fin de garantir o seu correcto funcionamento e evitar afeccións futuras á senda.

Ademais actuouse nas interseccións e nos accesos ás vivendas, executándoos na mesma cor que a senda para unha maior integración, e trasladouse unha marquesiña, para gañar funcionalidade e seguridade.

Ethel Vázquez puxo en valor o fito que supón o remate desta actuación, polo que a Xunta dá por concluída a que é a 1ª fase do Plan de sendas da comarca de Vigo, poñendo á disposición dos veciños máis de 12 km de itinerarios seguros, sustentables e saudables, logo dun investimento de arredor de 6 M€. As actuación contan co financiamento dos fondos da Unión Europea FEDER 14-20.

Fixo fincapé na aposta decidida do Goberno galego polo fomento dunha mobilidade máis saudable e sostible, pola que se quere acadar unha Galicia máis verde, en liña co crecemento verde da Unión Europea; ao tempo que se presta especial atención á protección dos usuarios máis vulnerables das estradas.

A conselleira afirmou que o departamento que dirixe seguirá traballando nesta liña que permitiu construír nos últimos anos 200 km de sendas peonís e ciclistas nas que a Xunta investiu máis de 50 M€.

Volver arriba
Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Ver
Privacidad